Monday 16 de September de 2024

O espectáculo de cultura urbana “Ópera Break’s” chega a Ribeira da man da Rede de Dinamización Lingüística co programa FalaRedes


Á presentación acudiu a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e a responsible de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, Alicia Padín.
O vindeiro xoves 5 de setembro ás 21.00 h a Porta do Sol de Ribeira vai ser o lugar onde Vella Escola traia o breakdance, o beatbox, dj e a ópera á rúa, a arte urbana galega no corazón de Ribeira.
Ópera Break’s de Vella Escola. Rede de Dinamización Lingüística
Data: 05/09/2024
Hora: 21.00 h
Lugar: Praza da Porta do Sol. Ribeira
Ópera Break´s é un espectáculo que mestura ópera, breakdance, beatbox e dj nunha única función de gran calidade artística que brota da conexión da soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola.
A ópera está ligada a un estereotipo elitista, inaccesible, reservado para uns poucos e sobre todo ligada aos espazos pechados, fundamentalmente aos teatros. A cultura urbana é aquela dirixida á mocidade, libre de normas, transgresora e que se cultiva a pé de rúa, moitas veces ligada á loita social.
Este espectáculo singular vai dirixido a un público mozo pero tamén familiar que gozará dun show onde a expresión musical e corporal romperá as barreiras do clásico e do urbano, fusionando estilos e dando orixe a un espectáculo multidisciplinar e impredicible onde todo o inimaxinable pode chegar a suceder…

En escena:
Vella Escola. Xera este novo espectáculo de cultura urbana con especialistas en breakdance que comparten espazo coa voz dunha soprano, o beatbox e a sesión dj.
Esperanza Mara. Soprano, instrumentista e directora artística de EMANARTE. A artista multidisciplinar pon agora a súa voz ao servizo da cultura urbana, e incorpora pezas clásicas coma as coñecidas arias “Casta Diva” da Norma de Bellini, a “Habanera” da Carmen de Bizet, ou a balada “Negra Sombra” de Juan Montes ao espectáculo máis contemporáneo.

Dj Mil. Á parte da súa traxectoria en solitario, foi Dj de grupos e artistas galegos coma García Mc, Woyza, Comando Katana, entre outros. Crea unha sesión que envolve este novo espazo artístico.
Tai. Artista especializado en Beatbox e competidor nesta disciplina a nivel nacional, dirixe a plataforma de Beatbox máis grande de Galicia chamada GaliBeats. Tai enche de beatbox o espectáculo Ópera Break’s.